Sobre nós

Coñece a historia e os valores da Asociación Petís

A nosa historia

Tiñamos ganas, forzas e ilusión. Tiñamos a necesidade dunha tribo. Tiñamos un grupo de petises con coidadores desexando compartir emocións e experiencias.

Así nace Petís, o teu espazo seguro en Pontevedra para que nunca máis te sintas soa, insegura ou xulgada.

Petís é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu no 2023 en Pontevedra co obxectivo de crear unha rede de apoio entre familias, con especial atención á lactancia e á crianza. Actualmente, máis de 150 familias asociadas formamos esta rede na que nos acompañamos e ofrecemos información en distintos momentos da maternidade e da paternidade, dende a decisión de crear unha familia ata a crianza, pasando polo embarazo e o postparto.

A Asociación Petís é un espazo seguro e de comprensión, unha tribo sensible na que compartir e apoiar os cambios que experimentamos ao longo do tempo para despexar dúbidas e medos.

Petís é tamén un lugar para celebrar a crianza e permitir que os nosos e as nosas petises se desenvolvan nun ambiente amable de apego seguro e crianza respectuosa.

🎯

A nosa misión

Petís ten a firme misión de tecer redes de apoio, de ser unha tribo na que as familias poidamos maternar e criar ós nosos petises sentíndonos acompañadas, nunha época na que moitas nais viven este proceso con sentimentos de soidade, ansiedade e esgotamento.

Formamos unha tribo forte que traballa polo benestar dos seus membros e pola reivindicación do lugar que as familias merecemos na sociedade. Seremos sempre unha asociación que busca a aprendizaxe colectiva e colaborativa, nun clima de seguridade, sen xuízos, baseado no respecto, a empatía, a inclusión, a confidencialidade, a sororidade e a crianza respectuosa dos nosos petises.

💝

Os nosos valores

  • Empatía:Comprender e acompañar cada experiencia única
  • Respeto:Valorar cada decisión e estilo de crianza
  • Comunidade:Crear lazos e apoios entre familias
  • Inclusión:Acoller a todas as familias sen xulgar

A nosa directiva

Manter viva a comunidade Petís é unha grande responsabilidade e tamén unha honra para as que actualmente formamos a xunta directiva da asociación. O traballo das mulleres que nos precederon nesta labor foi moi grande e, moitas veces, invisible. Tomamos o relevo con ilusión e coa promesa de traballar intensamente para que as familias Petís sigan atopando nesta tribo un lugar seguro onde criar en rede.

Aina - Tesorera de Petís

Aina - Tesorera

Ola! Eu son Aina, nai de Alexandre, de profesión odontóloga e agora tamén tesoureira de Petís. Sempre quixen casar e ser nai. O de casar está ben pero non me pillan noutra, o de maternar estame parecendo o traballo máis difícil que desempeñei ata hoxe. Polo que, para facermo máis sinxelo, animeime a unirme a Petís e foi todo un acerto. Considero que é un privilexio contar cunha asociación na nosa cidade que traballe facendo rede para dar o apoio que tanto necesita a crianza, e por iso estamos aquí. Grazas Petís.

Carlota - Secretaria de Petís

Carlota - Secretaria

Ola! Son Carlota, nai de André, historiadora da Arte, pedagoga e secretaria de Petís. Formo parte da tribo Petís desde que un día decidín presentarme nunha das suas reunións, co meu pequeno durmido no fular e a necesidade de facer fronte a un sentimento de soidade que non comprendía. Aquel día apenas falei, pero a calidez que alí atopei animoume a voltar, e hoxe sinto que toda familia merece o acompañamento e o cariño que esta comunidade é capaz de brindar.

Leticia - Presidenta de Petís

Leticia - Presidenta

Ola! Eu son Leti, investigadora e presidenta de Petís. Son nai dunha nena de case tres anos, que chegou despois de anos de búsqueda, probas e un embarazo complicado. Cando conseguimos ter a "Uxía" con nós, o apoio e consellos de profesionais actualizados e do grupo de lactancia e crianza (daquela Vila Láctea) foi chave para salvar a lactancia materna e navegar polo posparto con comprensión e escoita. Hoxe seguimos con lactancia e compartindo os altos e baixos da ma/paternidade co grupo. Petís é, foi e será parte da nosa historia, polo que faremos todo o posible porque algo tan importante non se perda.

Síguenos en Instagram